quarta-feira, 19 de agosto de 2009

Xinzo de Limia em Festa



Nos próximos dias 21, 22 e 23, sexta-feira, sábado e domingo, a vila galega de Xinzo de Limia realiza a festividade, denominada do Esquecemento, que tem como motivo central a recreação da Lenda do Rio Lethes.

Reproduzimos a nota, da responsabilidade da organização:



A FESTA DO ESQUECEMENTO 2009



A Festa do Esquecemento é unha recoñecida festa de recreación histórica, declarada no ano 2005 de interese Turístico Local, que se celebra dende hai 9 anos, na localidade ourensá de Xinzo de Limia durante a penúltima fin de semana de Agosto. A súa novena edición, terá lugar este ano 2009 os días 21, 22 e 23.
O evento, está organizado polos propios veciños da vila a través dos cerca de cen socios da Asociación Cultural Civitas Limicorum, e nela conmemórase o paso do río Lethes o río do Esquecemento (actual Limia) polas lexións romanas do Cónsul Décimo Xunio Bruto no ano 137 a.Xto., que deu paso ás primeiras incursións romanas na Gallaecia, previas á súa romanización.
A Festa do Esquecemento ofrece unha imaxe viva, e “vivible” por todos os que participan con nós daquel tránsito da orde castrexa á orde romana que, como o cruce do Lethes se presentaba temible, pero tamén excitante e dende logo, ineludible para os Limiaos.
Dende esta perspectiva, o escenario principal da Festa do Esquecemento, é o “Campamento”; Emprazado durante tres días na Alameda do Toural, próxima ao río onde se instalan os 40 grupos celtas e romanos que participan na festa, integrándose nun ambiente de recreación histórica con construcións castrexas e romanas que eles mesmos edifican previamente.
Cada grupo organiza actividades propias compartindo a comida e a bebida, e participando nos diferentes actos comúns propostos pola organización, como son: Os Xogos de habilidade individuais e colectivos; entre eles atópanse o tiro con onda, o tiro con arco ou o lanzamento de xabalina, pedra ou cepo. Tamén aqueles outros de forza, como o tiro da corda ou a competición de serra de troncos; Mesturados con talleres de alfareiría, ou a forxa que nos permitirá asistir á ferraxe dos cabalos de xeito tradicional. Tamén se programan outras animacións e xogos, adicados ós máis cativos, que nesta edición do 2009, poderán desfrutar no Campamento o sábado e o domingo pola mañá.
En calquera caso, existe un acto de especial interese no espazo do Campamento, previsto para o sábado á noite, é, a Cea-Espectáculo que se ven celebrando dende fai varias edicións e que tivo sempre unha excelente acollida. Trátase pois dun peculiar ágape de confraternización entre castrexos e romanos, aberto á participación de calquera persoa que o adquira o convite, no que a exquisita e abundante comida, a base de Leitón, polo asado, carne o caldeiro, chourizos, pan, viño, licores e biscoito, servido sobre pratos individuais feitos de pan de Xinzo, arredor dunha gran mesa en forma de “U”, que nesta edición, vai acolle-la actuación de danzantes, bailarinas, malabaristas, cuspe-lumes, loitadores, e outras excitantes atraccións.
Outro elemento importante da Festa do Esquecemento é o “Macelum” (mercado de artesanía), que se desenrola nas rúas máis céntricas da vila. Neste mercado pódese atopar unha gran variedade de produtos de elaboración artesanal: Tecidos, cosmética, xoiería, comestibles, etc. O obxetivo principal do Macelum, é ofrecer ós veciños e visitantes, a posibilidade de coñecer, mercar e degustar produtos exclusivos da artesanía galega maioritariamente, pero tamén doutros lugares da xeografía Ibérica.
Por suposto, neste contexto de recreación histórica que envolve á vila, teñen unha especial relevancia as diferentes Teatralizacións e Desfiles que se desenvolven durante os tres días: Dende o ritual do “Prendido do Lume Sagrado” que sinala o inicio da festa o venres pola noite, no que os mozos e mozas transfórmanse en druídas, deuses, deusas, guerreiros e guerreiras, ou senadores e senadoras; ata a representación do “Cruce do río Lethes” como elemento central da festa; Sen esquecernos da “Gran Batalla” entre romanos e castrexos cuxo resultado e unha teatralización colectiva na que participan tódolos grupos instalados no Campamento, que remata coa “Inhumación do corpo do Xefe Beltain”. Outro punto de interese serán as “Bodas” e os “Nasciturus” (rituais de casamento e de iniciación ás relixións, romana e castrexa).
Pero sen dubida, un dos puntos fortes da festa será, a satírica “Sesión do Senado Romano” que dará un repaso das novas de actualidade Urbi et orbi.
Como novidade este ano, desenvolverase no Campamento, o PROXECTO THERMOPOLIVM (Comer e beber o xeito Romano) que son tallares- degustación de autenticas receitas romanas de fai 2000 anos, como, o Moretvm, Epityrvm, Mel Cvm Papaveris, Germine, Panem Cvm Oleo Salibvs, Apicianis Condito, Cerea (Cerveza sen Lúpulo), Vinvm Graecvm ou, o popular Mvlsvm, feitos polo grupo KuanUm de Tarragona segundo as receitas de Apicio.
Outra das novidades serán os Obradoiros de Arqueoloxía, e as Exposicións sobre Armamentaria e, sobre a Vida cotidiá na época Romana; que darán a coñecer o legado romano con pezas e paneis informativos nos que os visitantes, poderán experimentar cómo se traballa nunha escavación arqueolóxica, ou coñecer as distintas armas e uniformes Romanos e Castrexos dos primeiros séculos da nosa era.
No tocante ós “Desfiles”, a organización da Festa do Esquecemento, mantén lazos de amizade con moitas celebracións o longo da xeografía Europea, particularmente de España, Portugal e Italia; e como membro da “Asociación Española de Fiestas y Recreaciónes Históricas”, ten unha excelente relación con outras festas similares de diferentes puntos de España, o que nos permite contar coa participación de grupos invitados que contribúen a vistosidade dos cortexos e, en definitiva, aumenta-lo interese da festa en xeral, amais de divulgar o patrimonio cultural e turístico da nosa Terra. Este ano, contaremos entre outros convidados, con colectivos de Cartaxena, Fortuna, Lugo, Cantabria, Narón, Cangas…. E outros de Ponte de Lima, Montalegre e Braga en Portugal; e aínda, con membros do Grupo Stórico Romano, da Cidade de Roma en Italia.
Por último a Festa do Esquecemento vai a ofrecer este ano outros moitos atractivos, como a posibilidade de escoitar Música en directo o Venres pola noite coa actuación do Grupo Folk Alann Bique, que ademais farán unha queimada durante a súa actuación que repartiran gratuitamente entre os asistentes o concerto.
Ou mesmo, asistir ó Espectáculo de Gladiadores do “Circo Romano” o sábado pola tarde, con venda de escravos, espectáculo de lume e danzas romanas.
Tódolos elementos presentes na Festa do Esquecemento, están deseñados dende unha perspectiva de responsabilidade, que nos obriga a conciliar o civismo coa festa, e o respeto cara o patrimonio histórico e natural da nosa vila, coa vontade de potenciar o seu atractivo turístico.

Sem comentários: